|
Temas Trimestrais
Os Temas Trimestrais abordan polo miúdo un tema ou unha peza concreta, así con periodicidade trimestral a faciana do Museo vai mudando.
Para dinamizar en maior medida os contidos expositivos do Museo trimestralmente elaborarase un panel monográfico sobre unha peza, xacemento ou tema en concreto. O panel compleméntase coa edición dun tríptico e unha conferencia que ten lugar o día da súa inauguración. Cóntase co patrocinio de "la Caixa" para esta actividade.
Acubillo de Pena Grande (Vilalba-Lugo).
O asentamento de Pena Grande foi descuberto e escavado por D. José Ramil Soneira a finais da década dos sesenta do século XX, constitúe o xacemento do Paleolítico superior máis importante de Galicia polos estudios alí realizados e pola cantidade e calidade do restos achados. A colección recuperada en Pena Grande consta case de mil pezas de pedra lascada; labradas en seixo, cristal de rocha, sílex e seixo porfídico. Correspondendo duascentas pezas con útiles tipolóxicos, entre os que destacan as laminiñas de cota (para cortar coas mans ou para facer coitelos e puntas de lanza), seguidas dos burís (para facer pequenos sucos en óso, madeira ou pedra), e de pequenas raspadeiras, completando o conxunto testas de proxectís e un elemento xeométrico (trapecio). O traballo da pedra realizado por estas xentes consistía en bater cunha pedra (percutor) ou cun cicel contra outra pedra (núcleo) da que extraían fragmentos chamados lascas ou láminas, cando son dúas veces máis longas de anchas; A partires delas cunha serie de pequenas percusións (retoques) as pezas van collen-do a forma desexada.
Vasilla do Castro de Vixil (Vilalba-Lugo).
Vasilla tipo ola, globulosa, de perfil en "s" e de forma pechada. O seu beizo é redondeado e o borde oblicuo, presenta un colo cóncavo de tendencia vertical que arrinca dunha faceta que o separa do corpo convexo que amosa unha ombreira superior, o fondo, ausente, debería ser plano como no resto das vasillas do xacemento. Posúe unhas dimensións máximas de 198 mm de altura por 277 de diámetro, sendo o diámetro da súa boca de 203 mm. Vasilla feita a torno lento, a súa pasta de cor ocre a marrón escuro no exterior e gris escuro no interior, presenta unha superficie coidada; espatulada e lixeiramente bruñida no exterior, mentres que no seu interior está alisada. |
|||||||||