Permanente

Temporal

Trimestral

 

Exposicións Temporais

 
Actual Anteriores

 

As exposicións temporais producidas polo Museo pretenden dar a coñecer, dun xeito ameno e didáctico, as características máis salientables da Prehistoria e Historia Antiga. As exposicións están deseñadas dun xeito didáctico, pero rigoroso, onde se matizan tantos tópicos que ensombrecen a visión que o público ten da nosa Historia. As exposicións nacen como temporais na sede do Museo, pero están deseñadas sobre soporte flexible para facilita-la súa itinerancia por outros centros culturais e educativos. As exposicións complétanse coa edición duns catálogos, a elaboración dunhas fichas didácticas e unha presentación multimedia que é ofrecida en cada inauguración.

Tamén se produce outra serie de exposicións titulada "Pioneiros da Arqueoloxía”, ideada co obxectivo de render homenaxe e, acaso, rescatar do esquecemento, ós nosos devanceiros, os pioneiros da arqueoloxía en Galicia.

 

Ý

 

 

 

Exposición Actual

 

Pioneiros da Arqueoloxía. “Fermín Bouza-Brey (1901 – 1973)”.

Colaborador do Grupo Nós e fundador do Seminario de Estudos Galegos, a súa principal preocupación foi o estudo dos signos de indentidade e das raíces de Galicia. Despoís da Guerra Civil, disolto o Seminario, fundará na compaña doutros estudosos o  Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

A el, en coautoría con Cuevillas, debemos a primera gran síntese da Prehistoria gallega, seguindo as liñas marcadas polo seu mestre H. Obermaier. A súa personalidade inqueda e o interese que tiña por moitas outras disciplinas, levouno a publicar unha morea de artigos dos temas máis variados, co obxectivo de dar a coñece-las particulariades da Historia, Arte e Literatura no noso país, é aquí onde reide a súa principal virtude: a documentación dun legado cultural, especialmente arqueolóxico, que sen o seu traballo quedaría perdido para sempre.

 

 

Dispoñible para a súa itinerancia (4 paneis ríxidos de 120 X 90 cm).

Ý

 

 

 

Exposicións Anteriores

 

 

A Dominación Romana.

A exposición temporal “A Dominación Romana”, continuadora dunha serie de exposicións destinadas ó achegamento cara á sociedade das características máis salientables da Prehistoria e Arqueoloxía de Galicia. Presenta, dun xeito ameno e didáctico, as particularidades da invasión e dominación romana do noso país, prestándolle unha especial atención á reacción dos nativos ante este intento de aniquilación da cultura e da sociedade autóctona. A aculturación das sociedades nativas ten lugar dun xeito desigual, tanto en intensidade, como xeograficamente.

 

   

Dispoñible para a súa itinerancia (7 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

Ý Arriba

 

 

 

Pioneiros da Arqueoloxía. “Federico Maciñeira y Pardo de Lama (1870 – 1943)”.

 Don Federico Guillermo Maciñeira Pardo de Lama naceu en Santa María de Mogor (Mañón, A Coruña) o día 3 de setembro de 1870. Comeza os estudios de bacharelato en A Coruña e Ferrol, abandonándoos para ocuparse dos seus predios na bisbarra do Ortegal. Maciñeira era un home do seu tempo, a pesares do aparente illamento ó que estaba sometido en Lama e Ortigueira estaba ó día das investigacións arqueolóxicas levadas a cabo en España e en Europa grazas á súa boa colección de libros e revistas de investigación que chegaban á súa casa, moitas delas eran órganos de expresión das diferentes sociedades científicas das que era membro.

O día 25 de xaneiro de 1943 finou na súa casa de Ortigueira. No seu testamento dispón que as súas coleccións fosen legadas á Universidade de Santiago (comisionándose para elo ó Profesor Luis Monteagudo García), que se crease un premio trianual para traballos científicos, e que fose publicada postumamente a súa obra. “Bares. Puerto Hispano de la Primitiva Navegación Occidental”. Publicada en 1945 por conta da súa familia, coa revisión de Fermín Bouza Brey, é froito desa derradeira vontade.

Dende a perspectiva arqueolóxica as súas achegas máis salientables foron o estudo dos túmulos da comarca do Ortegal, dos castros desta mesma área, e as súas escavacións arqueolóxicas en Bares que constitúen unhas das primeiras intervencións con carácter científico feitas en Galicia. A publicación destes traballos en publicacións tanto da nosa terra, como da península ibérica convertérono no arqueólogo galego máis destacado da súa época, así como o máis recoñecido en círculos internacionais.

 

Dispoñible para a súa itinerancia (4 paneis ríxidos de 120 X 90 cm).

Ý

 

 

 

Os Habitantes dos Castros.

O Fenómeno Cultural Castrexo desenvólvese dende as fases serodias da Idade do Bronce para rematar a comezos da Idade Media, tendo o seu apoxeo na Idade do Ferro e Época Romana. Dentro deste fenómeno cultural florecen unha serie de culturas que se desenvolven ó longo do tempo baixo o común denominador do castro, do cal recibe o seu nome.

No transcorrer deste tempo os castros van mudando o seu tipo de emprazamento e as súas características morfolóxicas, mentres se documentan cambios na súa organización interior e na explotación da paisaxe.

A distribución xeográfica do castrexo coincide cunha área noroccidental da Península Ibérica que abrangue Galicia, O Bierzo, o Occidente de Asturias, o Norte de Portugal dende o Vouga, e outras áreas limítrofes.

Tradicionalmente adoitábase relaciona-lo Fenómeno Castrexo cos Celtas, hoxe en día confírmase a súa xénese a partires da evolución do mundo indíxena anterior e o contacto co resto das culturas europeas da época, tanto continentais, como atlánticas e mediterráneas. Na sociedade castrexa algúns autores quixeron ver certo carácter guerreiro, aínda que esto non é certo.

A economía baseábase, como nas épocas precedentes, na agricultura e a gandería, empregando como complemento a recolleita de froitos silvestres, a pesca, o marisqueo, e, en menor medida, a caza. Potenciábanse as relacións comerciais, especialmente co mediterráneo, así como a minería.

Na cultura material observamos un grande pulo na cerámica e tamén no traballo dos metais, especialmente da ourivería; Aínda así, seguiron facendo utensilios en pedra.

 

 

 

Dispoñible para a súa itinerancia (7 paneis flexibles de 120 X 90 cm).

 

A exposición logo de exhibirse no Museo estivo nos seguintes lugares: Casa da Cultura de Mondoñedo, Museo Histórico de Sargadelos, Oficina de Turismo de Ribadeo, Centro Cultural Carvalho Calero de Ferrol, Museo Comarcal de A Fonsagrada e Escola Habaneira de Roupar.

Ý Arriba