|
Actualizada: 31/07/2012
Resolución: 1024X768 |
Arqueoloxía Vilalbesa. O Concello de Vilalba é moi rico en restos arqueolóxicos, a través deles podemos comprender os cambios que se desenvolveron desde a chegada dos primeiros grupos de cazadores-recolleitores, na Idade da Pedra Lascada, ata os tempos de abandono dos castros, realizado tralo remate do xugo romano. Diseminados por todo o termo municipal documentáronse cinco xacementos da Idade da Pedra Lascada, preto de douscentos enterramentos tumulares, máis de trinta castros, unha decena de xacementos romanos, e numerosos restos atribuídos á Idade do Bronce. Desgraciadamente poucos deles foron escavados, e ningún foi obxecto dunha posta en valor; esta ruta achegaranos ós depósitos máis emblemáticos e de máis fácil comprensión encadrados nas etapas fundamentais da Prehistoria e Historia Antiga de Galicia. Para un mellor aproveitamento desta ruta, resulta imprescindible a visita ó Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (Rúa Dr. Domingo Goas, 2), onde, de forma amena e moi didáctica, poderemos achegarnos á comprensión destas sociedades pretéritas e dos seus xeitos de vida. A ruta, incluída a visita ao Museo, ten unha duración de media xornada; non está sinalizada, nin adaptada, pero non presenta dificultades, agás para usuarios con déficit de movilidade .
Ver Ruta Arqueoloxía nun mapa máis grande.
Pódese descargar o folleto da ruta premendo aquí.
Recomendacións. Esta ruta pódese realizar en turismos e vehículos 4X4, tamén en autocares de tamaño medio. Neste caso, para a visita ó Castro de Gondaisque, terase que facelo traxecto desde a estrada camiñando, en lugar de conducir pola pista ata as casas de Castro; para a visita á Pedra Chantada, en lugar de desviarse no núcleo da Ribeira, deberase continuar ata O Carrizo, alí pola LU-861 en dirección Ferrol, para coller a primeira pista á dereita, onde se deixará o autocar no seu remate, para continuar camiñando cara á dereita. Na aplicación de GoogleMaps os trazados en cor vermella marcan traxectos para facer a pé. O progresivo deterioro das pistas non pavimentadas pode dificultar o tráfico rodado por algúns treitos, e producir danos nos vehículos, aconsellamos actuar con prudencia e continuar paseando cando as pistas estén en malas condicións.
Elementos da Ruta. Ó carón destes oito elementos principais, sinalamos, tanto no folleto, como no plano superior, outros elementos de interese. 1. Roza das Modias-1. O maior túmulo dos oito que compoñen a necrópole de Roza dás Modias, presenta a cámara mortuoria cos seus chantos decorados con liñas onduladas. As lousas de cobertura fóronlle extraídas e se atopan na parte superior do túmulo, a cámara está composta por sete laxes fincadas, podéndose recoñecer o inicio dun corredor cara ó Este. Cronoloxicamente encadrase dentro do Neolítico final. O seu actual estado de abandono pon en perigo a conservación das gravuras do espazo funerario.
2. Igrexario de Boizán. O igrexario de Boizán está configurado por un esvelto cruceiro, un cemiterio de fabulosos panteóns neogóticos da primeira metade do século XX, e un templo parroquial de probable orixe románica, a xulgar polos canzorros que conserva.
3. Castro de Gondaisque. O Castro de Gondaisque, aínda sen escavar, presenta un recinto circular protexido por varios foxos e parapetos, así como restos dun recinto exterior ou antecastro ó sur. Coñecese un asentamento romano nas súass inmediacións, Vilar de Eimil.
4. Cruceiro de Lanzán. O cruceiro de Lanzán foi erguido en 1806 pola devoción dun particular. É o exemplo máis sobresaínte dos cruceiros chairegos, pertencentes ao grupo dos Carboeira, o seu pedestal está presidido por Santiago Matamouros, e nos laterais presenta imaxes de San Xosé e San Roque; sobre a súa base atópase unha figura sedente de “Ecce homo” que conserva restos de policromía; o fuste, decorado con relevos dos elementos da paixón de Cristo, está coroado por un capitel cuadrifronte con volutas, que mostra querubíns e aparece orlado por cadeas; a cruz, acompañada de dúas figuras menores de iconografía irrecoñecible, está presidida polo Crucificado, cuxos pés repousan nunha caveira, na parte posterior da cruz exhibe o grupo da Piedade. 5. Igrexario de Codesido. O Castro de Codesido correspondese co prototipo de castro destas zonas chás, de forma circular, estrutura simple composta por un único parapeto defensivo e cun manancial no seu interior. A pesares de estaren bastante deteriorado, especialmente pola recente ampliación dun cemiterio, permite apreciar o seu sistema defensivo. No seu interior encontrase unha sinxela igrexa reformada a mediados do século XVIII e un bo cruceiro Carboeira, afectado por unha recente intervención. O cemiterio primitivo, de principios do XX, mostra un curioso epígrafe no lintel de acceso, no seu interior conserva unha lápida onde se desprega a iconografía principal dos cruceiros Carboeira.
6. Pedra Chantada. Dos poucos exemplos de pedras chantadas conservadas en Galicia, esta do Carrizo é a máis notable. Encontrase aproximadamente no centro dunha gran necrópole megalítica que se desenvolve ó longo dun antigo camiño. Habitualmente relaciónanse estes monólitos con cultos ás encrucilladas, cos romanos aglutinaron baixo a adoración dos Lares Viais, sendo ámbolos dous antecesores dos cruceiros. A escasa abundancia de pedras chantadas en Galicia tense que explicar pola substitución das monolíticas formas primixenias por altares romanos, e destes, co cristianismo, por cruceiros.
7. Pena Grande. Pena Grande é o máis importante e monumental xacemento do Paleolítico de Galicia, grupos de cazadores nómades, acamparon baixo este potente afloramento rochoso de xeito estacional. Desde o seu privilexiado asentamento, ben protexido das inclemencias do frío clima da época, controlaban as migracións das grandes manadas de animais que vagaban polo territorio; estes animais servíanlles de alimento, proporcionábanlles peles para abrigarse así como hastas e ósos para facer puntas de lanza e agullas de coser.
8. Medoña do Estelo. A Medoña do Estelo é a maior das que forman parte da necrópole de Pena Grande, ten dous metros de altura e dezaoito metros de diámetro. O seren desposuída da súa lousa de cuberta, pódese observar unha cámara mortuoria poligonal, formada por cinco laxes e aberta cara a levante. |
|
- Bloques Temáticos da Exposición Permanente - |