Introdución

Idade da Pedra Lascada

Idade da Pedra Pulida

 

Idade do Bronce

Idade do Ferro

Época Romana

 

 

 

Idade da Pedra Pulida

 

 

 

A Idade da Pedra Pulida, ou Neolítico (de "neo" e "lithos": pedra nova), corresponde a un período de grandes transformacións, algunhas xa anunciadas durante as etapas finais da Idade da Pedra Lascada. Os procesos de intensificación das actividades recolleitoras chegan ó seu cumio coa aparición da agricultura e a gandería, é dicir, dunha economía produtora de alimentos, fronte á economía depredadora dos grupos anteriores.

Os derradeiros cazadores-recolleitores tiñan adoptado sistemas de explotación de recursos naturais que agoiraban o establecemento da agricultura e gandería como base de sustentación das novas sociedades. Como estes cambios se produciron dun xeito lento e gradual, temos que rexeita-la idea de Revolución Neolítica, pois non se dan as características básicas (cambios rápidos e violentos) para poder falar dunha revolución. Os cambios producíronse ó longo do complexo e amplo período de Neolitización que finca as súas raíces nos cambios nas estratexias de caza e recolleita producidos nas etapas anteriores.

Coa produción de alimentos, o home tornouse sedentario, construíndo aldeas nas que podía vivir durante espazos de tempo cada vez máis permanentes. A mellora climática e o inicio desta nova economía produciron un aumento de poboación. As novas actividades  trouxeron novas técnicas e novos artefactos: útiles de pedra pulida, cerámica e aparellos agrícolas (fouces, aixadas...). Tamén apareceron manifestacións máis complexas da vida social e cultural, como son a progresiva especialización no traballo e os comezos da división social.

  

Formas cerámicas.

  

En Galicia, aínda hoxe non sabemos de aldea neolítica algunha, soamente temos documentado un pequeno fato de asentamentos en covas (Pala da Vella) e en acubillos (Prado do Inferno, A Cunchosa...) o que contrasta cos varios milleiros de medoñas que aínda se conservan no noso país.

 

 

Escena cotián.

Ý

 

 

 

Megalitismo

Dentro do Fenómeno tumular, a arquitectura megalítica é o aspecto máis salientable. Estas construcións monumentais de carácter sagrado non son únicas do noso país, nin exclusivas da fachada atlántica europea. É a plasmación arquitectónica, con semellantes características constructivas, de diferentes ritos relixiosos e diversas culturas que tiveron lugar en distintos espacios temporais e xeográficos.

Nun intre aínda por determinar, probablemente despois da aparición dos primeiros campesiños, aparece unha nova simboloxía plasmada na arquitectura megalítica. Os exemplos máis abondosos que temos en Galicia son as mámoas ou medoñas, construccións tumulares que recobren un enterramento megalítico (anta ou arca). Nestas construcións aparecen unha serie de enxovais que posúen un alto valor ritual, acompañan ó defunto deica unha existencia futura, son ofrendas para facilita-la viaxe ó alén. Tamén coñecemos en Galicia outros megalitos como círculos líticos e pedrafitas (Pedra Chantada, Vilalba)

  

Medoña con Anta no seu interior.

  

Do mesmo xeito, en Galicia, podemos observar como o Fenómeno tumular non é un conxunto unitario, existindo un gran polimorfismo, o espazo funerario agochado dentro do túmulo pode estar constituído por unha cámara poligonal, estructura de corredor, cista ou non ter estrutura pétrea algunha. Estas diferenzas constructivas evidencian claramente os cambios sociais e relixiosos acontecidos dende os primeiros enterramentos colectivos do Neolítico ata os enterramentos individuais da Idade do Bronce, dende a procura de certa monumentalidade ata as formas simples onde o fachendeo arquitectónico non parece ser importante.

 

 

Proceso de construción dunha medoña.

Ý

 

 

 

Materiais Expostos

 

Vitrina-06: Contén fragmentos cerámicos e diversos útiles e ferramentas de pedra lascada, como puntas de seta, burís, lascas, etc.. Materiais recuperados en diferentes acubillos baixo rocha que habitados na época anterior continúan sendo lugares de asentamento, como Prado do Inferno (Muras).
Vitrina-07: Amosa materiais procedentes de túmulos megalíticos da Terra Cha, machados e un curioso puñal de pedra pulida, xunto con varias láminas e outros elementos de pedra lascada.
Dentro deste bloque exhíbese unha maqueta da sección dunha mámoa con anta para que o público poida aprecia-las diferentes partes que compoñen estes monumentos funerarios.
Tamén se conta cunha réplica dun tear de bastidor, típico deste período.

 

Ý