|
|
|
 |
Introdución |
 |
Idade da Pedra
Lascada |
 |
Idade da Pedra
Pulida |
|
|
|
 |
Idade do Bronce |
 |
Idade do Ferro |
 |
Época Romana |

Idade da Pedra Lascada
A Idade da Pedra Lascada agrupa ás culturas
máis antigas da Humanidade, caracterizadas por face-las súas ferramentas
tallando e lascando as distintas rochas. O Paleolítico (pedra vella) divídese en
tres etapas:
O Paleolítico inferior iníciase coa aparición
dos primeiros homínidos hai tres millóns e medio de anos no centro de África;
tiñan a habilidade de fabricar útiles de pedra, pero non sabían falar nin como
facer lume. Pasado un millón de anos, unha segunda xeración de homínidos
(Homo erectus e Homo heidelbergensis) foi
poboando África, Asia e Europa; dominaba o lume, vivía da caza e a recolleita, e
perfeccionou o instrumental en pedra confeccionando bifaces, fendedores e
raedeiras.
O Paleolítico medio está relacionado coa
aparición do Neanderthal, máis próximo ó home actual. Os seus restos amosan o
meirande grao de evolución acadada: avances na fabricación da ferramenta,
melloras na adaptación ás condicións difíciles por mor do frío da época, e
primeiros enterramentos.
O Paleolítico superior iníciase co Home de
Cromagnon, semellante ó home moderno; a meirande parte deste período desenvólvese
nun clima de frío moi intenso. Os animais cazados eran reno, mamut, bisonte,
cervo e bóvidos salvaxes. Neste período datan as pinturas rupestres como as da
Cova de Altamira.
Nas etapas serodias do Paleolítico, ó carón
dun melloramento térmico xurden o Epipaleolítico e o Mesolítico que marcan a
transición á economía de producción de alimentos.

Chozas e tendas.
Ý
Paleolítico
inferior e medio
O Paleolítico inferior é a etapa máis antiga
da Prehistoria, comeza coa chegada do home á nosa terra e remata cos comezos do
Paleolítico medio. En Galicia a presenza destes primeiros homes non está
documentada ata o Achelense (500.000 BP). O Achelense caracterízase pola
proliferación de bifaces, triedros, fendedores e raedeiras, utensilios
xeralmente pesados e manufacturados sobre nódulos ou cantos. O home deste
período, Homo heidelbergensis, xa sabía
facer lume que usaba para quentarse e máis para cociñar, vivía en covas ou en
chozas ó aire libre. O seu aspecto era basto e robusto e seguramente tiña algún
sistema de comunicación oral. Vivía da caza e maila recolección, practicando
tamén o carroñeo de grandes mamíferos como o elefante.
O Paleolítico medio ten unha cronoloxía
100.000-40.000 BP. Caracterízao a aparición do Home de Neanderthal,
homínido
con grandes órbitas e protuberancias no cello, pero co tamaño do cerebro
semellante a nós. Desenvolve unha cultura material en base a utensilios feitos en
lascas como raedeiras, coitelos de dorso e escotaduras, vive en covas e adoita
enterra-los seus mortos.
No noso país coñecemos xacementos encadrados
dentro do Achelense que se sitúan tanto á beira do mar como dos grandes
ríos, dándose unha gran concentración de xacementos e achados no Val do Miño,
preto de Ourense e de Tui. Algúns deles débense considerar como do Paleolítico
medio.

Talla de nódulos.
Ý
Paleolítico superior
O Paleolítico superior iníciase coa aparición
do Homo sapiens sapiens
hai 40.000 anos. Este homínido tamén coñecido como Home
de Cromagnon é moi semellante ó home actual, é cando por primeira vez os
homínidos ocuparon toda a terra, a excepción de algúns desertos e illas
afastadas dos continentes. A súa primeira fase que remata co desenvolvemento do
Solutrense (21.000-16.000 BP) coñécese como Complexo Auriñaco-perigordiense, que
consiste na convivencia no mesmo espazo xeográfico e temporal de dúas culturas
materiais distintas. O Auriñaciense caracterízase pola presenza de útiles sobre
lasca e láminas espesas, modificadas por retoques anchos e escamosos, ademais de
por azagaias de base fendida e losánxica, e por puntas de frecha. O
Perigordiense identifícase pola industria lítica realizada sobre láminas,
coitelos e puntas de dorso rebaixado, e azagaias biapuntadas e biseladas.
O final do Paleolítico superior está
representado no noso país coa Cultura magdaleniense (16.000-12.000 BP). O
Magdaleniense signifícase pola abundancia de laminiñas de dorso, de pequenas
raspadeiras curtas e de burís. Nos xacementos aparecen por primeira vez pezas
xeométricas labradas. A industria lítica realízase sobre láminas ou laminiñas
ben estandarizadas, de tamaños cada vez máis pequenos, e a ósea diversifícase
coa aparición de novos elementos.
O traballo do óso faise máis complexo e
especializado, xorden novas pezas, como as agullas perforadas e os arpóns.
A Arte Prehistórica acada nesta fase o seu
cumio. Aparecen pintadas as paredes e teitos das covas e abrigos xunto con
outras representacións artísticas como colgantes, abelorios e esculturas de
animais realizadas en arxila ou pedra.
En Galicia coñecemos preto da media ducia de
xacementos deste período, localizados nos concellos de Muras, Xermade, e
Vilalba. Son acubillos, baixo aleiros de cuarcita ou pedra de gran, de medianas
dimensións. A abundante industria lítica do Magdaleniense de Galicia está
realizada sobre pederneira e cristal de rocha, de xeito preferente, aínda que
tamén, e en menor medida, aparecen utensilios feitos en seixo, en cuarcita e en
pórfido cuarcítico.

Talla de núcleos.
Ý
Epipaleolítico
O Epipaleolítico (9.000-6.500 BP) desenvólvese nunha etapa de
profundos cambios ambientais que se producen ó final do Pleistoceno e primeiros
tempos do Holoceno.
Supoñen o final do glaciarismo, e a chegada dunhas
condicións climáticas máis suaves. As especies vexetais desenvolven un avance
extraordinario e a fauna de tipo frío ou se
extíngue ou migra deica o norte do
continente.
Culturalmente, o Epipaleolítico vén definido pola
continuidade da Tradición Magdaleniense, a industria lítica presenta os mesmos
trazos, acadando o seu cumio a técnica microlaminar e xeométrica. Non
obstante, aparecen
unha serie de novidades que o
diferencian da etapa anterior, dentro das cales
cabe salienta-lo uso do arco, a domesticación do can, para axudar na caza de
especies que moran nas fragas, e un cambio nas representacións artísticas, que
agora son de carácter esquemático e incorporan a figura humana.
En Galicia coñécense máis de vintecinco xacementos
epipaleolíticos, a maioría localizados na Serra do Xistral, os máis deles son
pequenos acubillos baixo rocha situados a media ladeira, os outros son ó aire
libre. Dentro destes últimos é particularmente interesante O Paradoiro de Reiro
que se atopa á beira do mar e que proporcionou abundantes restos faunísticos,
tanto de mamíferos como de peixes.
A
utillaxe destes xacementos está realizada fundamentalmente
en seixo e cristal de rocha, empregando de xeito casual a pederneira.

Técnica de elaboración de microlitos.
Ý
Mesolítico
Se o Epipaleolítico é unha etapa de continuación e evolución
da tradición cultural dos tempos paleolíticos, na que se acada o cumio das súas
manifestacións técnicas, o Mesolítico corresponde á
etapa da aparición das
tendencias da explotación intensiva dos recursos naturais previa á domesticación
das plantas e animais para uso alimenticio. Cronoloxicamente sitúase entre o
8.000 BP e a aparición da agricultura (5.500 BP).
Dentro desta pauta de explotación do medio, os xacementos
deste período localizados na Península Ibérica especializáronse no
aproveitamento de recursos mariños: marisqueo e pesca. Para estas actividades
empregaban enxeñosos sistemas como a fabricación de camboas, consistente na
construción dun recinto á beira do mar que é anegado polas mareas, ó baixar o
nivel do mar quedan dentro dela os peixes e crustáceos.
En Galicia os xacementos mesolíticos atópanse na costa sur de
Pontevedra, dende Oia ata o esteiro do Miño. Aparecen na costa grandes
concentracións de materiais labrados, a meirande parte corresponden a industria
lítica pesada, relacionada coa construción desta especie de currais de pesca,
tamén chamados ataxadeiras ou camboas.
As especiais características destes xacementos e da súa
industria lítica favoreceron a creación de extravagantes hipóteses, como a
mestura de materiais de distintas épocas e a utilización de picos monofaciais
para sacar lapas. Hoxe o pico monofacial relaciónase coa función de cortar e
furar.

Camboa.
Ý
Materiais
Expostos
|
Vitrina-02:
Contén
restos do Paleolítico inferior, a meirande parte procedentes
do xacemento de Louselas (Ribadeo) que constitúe o
asentamento humano máis antigo de Galicia.
|
 |
|
Vitrina-03:
Amosa
materiais de sílex, seixo e cristal de rocha do Paleolítico
superior atopados en numerosas escavacións arqueolóxicas
desenvolvidas en Santaballa (Vilalba), Lousada (Xermade) e
Muras: raspadeiras, burís, perforadores, laminiñas de cota e
outros útiles agrúpanse neste espacio. |
|
Vitrina-04:
Corresponde ó Epipaleolítico, os materiais expostos son os
recuperados en escavacións na Serra do Xistral (Abadín) e
outros xacementos. Consta de varios útiles de pederneira e
seixos, dunha serie de puntas microlíticas, outros elementos
microlíticos e espiñas de peixes. |
|
Vitrina-05:
Garda
materiais do Mesolítico recollidos no litoral sur da
provincia de Pontevedra; picos asturicenses, choppers,
monofaces e outros útiles conforman este conxunto.
Neste bloque preséntase unha maqueta dun
xacemento en abrigo e un módulo no que os visitantes poden
experimentar coa capacidade de corte dunha lasca. |
Ý
|