|
|
 |
Introdución |
 |
Idade da Pedra
Lascada |
 |
Idade da Pedra
Pulida |
|
|
|
 |
Idade do Bronce |
 |
Idade do Ferro |
 |
Época Romana |

Introdución
Hoxe en día os museos teñen que ser
concibidos como entidades dinamizadoras da cultura e da sociedade, rexeitando
o concepto destas institucións entendidas como exposicións imperturbables no tempo, semellantes
ás tendas de
anticuarios do século pasado. Por iso a exposición permanente do Museo de
Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba vai mudando a súa faciana a medida que se
rexistran novos depósitos de materiais, e avanza o coñecemento das xentes da
prehistoria.
A Prehistoria, aquela época da vida do
home da cal non temos documentos escritos, é o máis longo período da evolución
da Humanidade, o seu coñecemento só se pode acadar co estudo dos seus restos
materiais. Este lapso de tempo representa case a totalidade da existencia do
home sobre a terra (99,8 %). No seu transcurso o home adquiriu as súas
características físicas actuais e a plenitude das súas capacidades, que logo
desenvolverá no período histórico. A terra sufriu importantes cambios
climáticos, que provocaron cambios na flora e na fauna ós que o home se soubo
adaptar.
A Historia vén definida pola existencia
de textos escritos que nos dan a coñece-los diferentes procesos e singularidades
de cada época. En Galicia esta etapa comeza cos romanos, xa que a poboación
indíxena non coñecía a escritura.
Entre estas dúas etapas existe unha terceira, a
Protohistoria, que na nosa terra coincide co mundo dos castros. Deles
temos documentos escritos, pero feitos por outros pobos como os gregos e os
romanos.
A cuantificación do espazo temporal da temática
deste Museo podémola exemplificar do seguinte xeito:
o Home comeza a súa
andadura dous millóns de anos antes de Cristo, se este tempo o comparamos cunha
hora, sete segundos corresponden ó Período Histórico, e o resto ó Prehistórico.
A fauna dunha determinada rexión
cambia no percorrer do tempo como resposta ás oscilacións climáticas; aparecen
en escena novas especies e outras desaparecen, extínguense ou migran. Pero non
tódolos animais reaccionan do mesmo xeito fronte ós cambios climáticos: mentres
uns a penas nos ofrecen información, outros son moi valiosos tanto para indicar
unhas condicións climáticas determinadas como para ofrecer unha
cronoloxía concreta.
Así pois, no Pleistoceno podemos
establecer as súas tres divisións baseándonos nas especies de elefantes que
predominaron en Europa. De tal xeito, ó longo do Paleolítico as paisaxes de
herbáceas estarían poboadas por rabaños de cabalos, bisontes, uros
e rinocerontes, como pon de manifesto a fauna recuperada na Cova da
Valiña. As zonas máis frías estaban habitadas por mamuts, rinocerontes lanudos e
renos e os bosques temperados por cervos e xabarís.
O método estratigráfico naceu ó carón
da arqueoloxía prehistórica cando se observou que cada capa de terra é
posterior á que fica debaixo, e que as distintas capas dos sedimentos das covas
contiñan restos animais e humanos diferentes, ordenados de abaixo cara arriba,
de máis vello a máis novo. Co paso do tempo a estratigrafía contou coa
incorporación de novos métodos de análise (tanto químicos como físicos) que lle
permitiron achegarse ó xeito de formación do chan e como o home puido
alterar este proceso. Tamén se
pode testemuña-la presenza de actividade humana
pola cantidade de fósforo no perfil dun xacemento, como por exemplo no xacemento
paleolítico de Pena Grande (Vilalba) onde a variación en profundidade da
cantidade de fósforo no perfil reflicte unha longa ocupación humana na súa base.
Baseándose nos grans de pole e
mailas esporas recuperados en mostras dos diferentes niveis dun tremoal ou dun
xacemento arqueolóxico pódese reconstruí-la flora da área ó longo da
Historia. A reconstrución da flora reflicte as variacións climáticas e os
cambios que o home puido introducir no territorio. A aparición da agricultura
é documentada pola presencia de poles de cereais e doutras prantas
relacionadas cos cultivos
Unha herdeira das clasificacións das
ciencias naturais moi empregada na arqueoloxía
é ó método tipolóxico. A
evolución das formas, da complexidade das mesmas e súa maior diversificación.
Así as propias características dos obxectos, como a presenza e ausencia de
elementos determinados dentro dun conxunto permítennos establece-la súa
correspondencia cronolóxica e cultural; como acontece cos machados da Idade do
Bronce.
Ý
|
Vitrina-01: Contén restos faunísticos da Cova da Valiña
(Castroverde) entre os que destacan os de rinoceronte, hiena, oso, bisonte/uro
e cabalo,
datados
hai uns
30.000 anos. Tamén se amosan restos de bidueiros fosilizados procedentes das
turbeiras da Serra do Xistral, cunha antigüidade de 5.000 anos. |
|
 |
Ý
|